SonRías Baixas Bueu 2013

O SonRías Baixas celebrará a súa XII edición os días 2 e 3 de agosto en Bueu
A Asociación Troula na Banda organiza un ano máis o Festival, que no 2012 conquistou a máis de 15.000 persoas coa súa particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado
A organización e o Concello preparan un Plan de Melloras conxunto para que o evento poida seguir medrando en calidade e comodidade para o público sen perder a súa identidade
O Festival SonRías Baixas celebrará a súa XII edición os días 2 e 3 de agosto no Recinto Multiusos da Estacada, en Bueu (Pontevedra).
A Asociación Troula na Banda, organizadora do evento, e o Concello de Bueu ultiman un plan de melloras conxunto para que o Festival, que o ano pasado congregou a máis de 15.000 persoas e supuxo para a vila un impacto económico directo de máis dun millón de euros, “poida seguir medrando en calidade e en comodidade para o público sen perder a súa identidade”.
A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do Festival, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do estado. Co slogan “de Festivaleros para Festivaleros” por bandeira, a organización artella cada ano unha completa programación musical que combina nomes consagrados e novas propostas e ofrécellela aos seus seguidores a uns prezos moi asequibles.
Comprometidos coa cultura festivaleira e coa sostibilidade ambiental, unha das preocupacións compartidas pola a organización e polo Concello de Bueu é a ampliación e mellora da zona de acampada do Festival, que nesta XII edición se ampliará en As Lagoas ata os 20.000 m2.
Estase a traballar, ademáis, para obter unha segunda zona de acampada dentro da vila que se viría sumar á tradicional do Festival. Tanto a unha como a outra estarán pechadas e contarán con vixilancia, control de acceso e aforo, baños, duchas e rúas con parcelas pre-establecidas para facilitar a circulación a pé. Tamén está previsto habilitar un espazo de aparcamento para furgonetas e autocaravanas.
O aumento da seguridade e o control do tráfico dentro de Bueu nos días do Festival é outra das melloras que introducirán este ano o Concello e a Asociación Troula na Banda. Tamén se chegou a un acordo co Parking Cuarteirón, ao pé do Festival, que ofrecerá prezos especiais aos festivaleros, e habilitaranse zonas especiais para aparcamento gratuíto nas afóras de Bueu.
Mellorarase o camiño de acceso aos Xardíns de Urbano Lugrís, ata o recinto multiusos, e ampliarase e optimizarase a zona de taquillas e entradas, que estarán abertas dende primeira hora da tarde para facilitar a compra de abonos e o cambio dos abonos polas pulseiras. E, xa dentro do recinto, ampliarase e mellorarase a zona de baños, así como a barra e os puntos de venda de tickets e habilitarase un carril de acceso especial para persoas con mobilidade reducida.
O Festival SonRías Baixas medra cada ano en asistencia e en calidade artística, plantexando novos retos de produción que tanto a organización como o Concello esperan afrontar con este ambicioso Plan de Melloras conxunto

Turismo Galicia